Saturday 20 de April de 2024

Betanzos acolle a campaña itinerante de concienciación impulsada pola Xunta para promover o turismo seguro


O espazo informativo estará instalado mañá na praza García Hermanos e permanecerá aberto ao público en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas
No marco do programa Galicia destino seguro, a Xunta de Galicia escolleu Betanzos como unha das paradas da nova campaña itinerante de concienciación para promover un turismo seguro. Así, durante a xornada de mañá situarase un espazo informativo móbil na praza García Hermanos desde onde se informará aos viaxeiros e aos propios galegos dos recursos turísticos dispoñibles na nosa Comunidade e a potencialidade de Galicia como destino seguro.
A unidade móbil que funciona a modo de oficina de turismo estará aberta en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 horas. O espazo informativo está atendido por profesionais da información turística e difunde o destino, poñendo en valor recursos como o Camiño de Santiago, a paisaxe, a natureza, a enogastronomía ou o patrimonio cultural.
A campaña comezou en Santiago de Compostela e está previsto que percorra Galicia e estea presente nas sete cidades galegas e varios dos principais municipios turísticos. Así, tras estar xa en Ferrol, A Coruña ou Ribeira, chega agora a Betanzos para continuar o seu percorrido por destinos como Rianxo, Lugo, Monforte, Sarria, Viveiro, Ourense, O Carballiño, Poio, Pontevedra, Sanxenxo, O Grove, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas do Morrazo, Vigo, Nigrán, Baiona e Tui.
A campaña itinerante dá continuidade á batería de medidas postas en marcha pola Xunta para garantir seguridade e protección aos viaxeiros, traballadores e galegos no actual escenario. Enmárcase no Plan de Reactivación do sector turístico aprobado o pasado mes de abril que inclúe accións para promover Galicia como un destino seguro, con accións que axuden a xerar liquidez no tecido empresarial e o incentivar o consumo.